viernes, 27 de octubre de 2017

Programa do XVI Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán 2017




XVI FESTIVAL DE TEATRO AFECCIONADO  “AGUSTÍN MAGÁN”


Os días 29, 30, 31 de outubro e 1 de novembro celébrase en Santiago de Compostela a XVI edición do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), grazas a un convenio coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Santiago e o CDG (Centro Dramático Galego)

Programación:

Domingo, 29. 18.00 h.
Animación de rúa nas inmediacións do Teatro Principal e Salón Teatro a cargo do grupo Lohengrín Teatro: A mirada das bolboretas.


Domingo, 29. 19.00 h. Teatro Principal
Ás portas. Grupo de Teatro Paso de Valverde. (Arteixo) Todos os públicos. Drama

Sinopse
As portas, esas temibles e amadas fronteiras que traen e levan á xente do noso carón, sen sabermos se estaremos mellor despois de abrilas.
En Ás Portas, serán as encargadas de traer novas de outros lares, onde
caen as bombas e o irmán de Ana e María loita polo país.
Esta é una historia de guerra, de lembranzas, de esperanza e de  cambio. É unha historia que move, empurra e acompaña ás dúas protagonistas cara un novo mundo.
Cando o perdes todo, só podes resignarte ou loitar
Domingo, 29. 21.00 h. Teatro Principal
Peer Gynt (Suite Primeira) Teatro Escoitade. (Vigo) Todos os públicos. Fábula dramática

Sinopse
Peer Gynt é un nórdico aldeán, mullereiro e aloucado, cuxa ambición na vida é ser rico e poderoso. Na voda da que fora a súa primeira noiva queda prendado dunha fermosa moza chamada Solveig, pero esta de principio rexéitao; entón decide impedir tal voda, á que non fora convidado, fuxindo coa noiva ás montañas e, logo de aproveitarse dela, abandónaa e fuxe. A noiva, Ingrid, volve ao pobo acusando a Peer Gynt de rapto e violación.
Peer Gynt abandona o fogar temeroso de ser preso e agóchase nas montañas, onde se topa coa filla do Rei Dovre, a quén seduce e déixaa preñada. Fuxe de novo daquel inferno para verse con Solveig, quen lle conta o que acontece na contorna da súa casa e a mala saúde da súa nai que falece cando a vai visitar. Peer Gynt sente a traxedia e decide abandonar o seu país na busca da fortuna que sempre soñou.

Luns, 30. 19.00 h. Salón Teatro.
Quero ser maior! Axoúxere Teatro. (Oleiros) A partir de 7 anos.Infantil Musical
Sinopse
Gaia é unha nena de 11 anos que sente a necesidade de medrar canto antes, conseguir un bo traballo e gañar cartos para triunfar na vida e poder axudar a súa nai. Aínda que ela non se da conta, está moi estresada pola presión dos estudos e os resultados. A súa nai tenta que se relaxe e disfrute, pero Gaia é moi estricta, sobre todo con ela mesma.
Unha noite, non sabe ben como, Gaia atópase nun estraño espazo cun curioso personaxe chamado Hédor e mais os seus compañeiros da Patruxa de Control de Nenoas Precoces, Xisca e Xosco. Para conseguir ser membro de seu da Patruxa, Hédor debe convencer a Gaia de que agarde o seu momento para medrar e, sobre todo, que cando medre non esqueza xogar, bailar e disfrutar da vida. Se fracasa non será da Patruxa endexamais. 
Gaia, ao principio, cre que Hédor é parvo e non ten moito interese nel. Pero cando ve que un personaxe chamado Medranenoas asusta moito a Hédor e se porta coma un abusón con el, Gaia decide axudar a Hédor.
O Medranenoas, facéndose pasar por unha persoa normal, en realidade, o que quere é roubar a ilusión de Gaia e asegurarse de que se converte nunha adulta gris e aburrida.
Conseguirá Hédor evitalo? Quererá Gaia seguir a ser pequena e ter ilusión? 
Ah...! Terás que ver a obra para descubrilo... 

Advertencia: Polo medio de esta historia, hai cancións cantadas en directo e moito humor. Coidado! Que igual aoas pais e nais  gústalles máis que aoas nenoas!

Martes, 31. 21.00. Salón Teatro.
Maniféstate! Andaravía Teatro. (Vedra) Todos os públicos. Comedia

Sinopse
Rosalía de Castro anda solta. O seu sartego está baleiro desde aquela noite en que os vixiantes de seguridade creron oír algo no Panteón de Galegos Ilustres. Aquela mesma noite en que foi vista en Vedra por primeira vez.
¿Por que marchou? ¿Por que a Vedra? ¿Que require?
Nun programa de tv tentarán atar todos os cabos, responder a todas as preguntas e farán todo o posible por convocar en directo o espírito da padronesa.
Rosalía, se estás aí... ¡Maniféstate!
Mércores, 1. 19.00. Teatro Principal
Misterios. O Aturuxo de Melpómene. (Narón) Infantil. Comedia

Sinopse
É difícil atopar respostas para as grandes preguntas, e iso que o intentamos, con todas as nosas forzas, sobre todo mentres somos nenos ou nenas como Mara, a protagonista desa peza de teatro. Hai días nos que parece que os misterios están por todas partes: na túa casa, na da veciña, na rúa, no galiñeiro... e non hai nada máis emocionante, nin máis divertido, que resolvelos.
Mércores, 1. 21.00. Salón Teatro
Bernarda. Lohengrín Teatro. (Vigo) Drama. Todos os públicos

Sinopse
Versión de Pablo Iriarte da obra escrita por García Lorca. Nesta peza destaca a creación dun novo personaxe, A Casa, creada en forma de coro vocal que nos vai relatando o que se intúe  e non se ve dentro da casa. A obra compleméntase cun repertorio do poemario do mesmo autor.
Nesta edición teremos ocasión de ver unha ampla oferta de obras de diversos estilos e temáticas que van dende o musical infantil ata o drama Lorquiano pasando por fábula dramática.
Tamén haberá unha dupla oferta de teatro destinado aos máis pequechos.
Contaremos coa presenza de grupos que nos amosarán as súas propostas e que veñen de distintas localidades da xeografía galega.
Convidamos a toda a poboación da cidade e ás persoas que a visitan a que non deixen escapar a oportunidade de gozar destes espectáculos.
O prezo das entradas é de 3 euros por función.



As entradas están tamén  a venda na Taquilla electrónica de Abanca
http://entradas.abanca.com/es/record-monograph/xvi-festival-agustin-magan-2017/