jueves, 17 de agosto de 2017

O CIRCUÍTO GALEGO DE TEATRO AMADOR VOLVE EN SETEMBRO

En setembro retómase a actividade do Circuíto Galego de Teatro Amador e chegará aos municipios do Carballiño (do 2 ao 24), de Ferrol (do 9 ao 30 de setembro), de Monterroso (do 16 ao 24), de Vigo (en Comesaña, do 16 ao 30 de setembro, e en Valladares, do 7 ao 15 de outubro), de Narón (do 17 de setembro ao 1 de outubro), de Oleiros (do 17 de setembro ao 21 de outubro), de Antas de Ulla (do 17 de setembro ao 22 de outubro), de Vedra (do 29 de setembro ao 21 de outubro), do Grove (do 30 de setembro ao 21 de outubro), de Cuntis (do 30 de setembro ao 8 de outubro) e de Barbadás (do 30 de setembro ao 21 de outubro).

Ide reservando as datas para gozar do mellor do teatro galego amador na localidade que mellor vos conveña.

Aquí podedes ver os cartaces dos circuítos organizados por: Teatro Tiruleque en O Carballiño, Max Teatro en Ferrol e O Trasno Novo Teatro en Comesaña (Vigo)






miércoles, 26 de julio de 2017

O Circuíto Galego de Teatro Amador ofrecerá este ano máis de 60 funcións por toda Galicia

 
 
 
Na súa décima edición, o programa chegará  ata o mes de outubro aos municipios de Antas de Ulla, Oleiros, Narón, Cuntis, Nigrán, O Grove, O Carballiño, Monterroso, O Porriño, Vigo, Barbadás, Vedra e Ferrol
A Fegatea, co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, promove esta iniciativa co fin de contribuír á dinamización cultural en todo o territorio a través dunha programación de teatro afeccionado diversa e de calidade en galego
 
A décima edición deste programa, promovido pola Fegatea co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, botou a andar no municipio do Porriño cos espectáculos A rúa do inferno, de Axóuxere Teatro (día 9), Ás portas, de Paso Valverde (día 10); Cling, de Trécola Teatro (día 11); Encrucillada no camiño, de Atrezo Teatro (día 16), e O Principiño, tamén de Atrezo Teatro (o día 17). Todas as funcións tiveron lugar no Centro Cultural do Porriño, ás 20:30 horas, e a entrada foi libre e gratuíta, ata completar a capacidade.
 
Próximas citas
A programación do Circuíto Galego de Teatro Amador retomarase no mes de xullo en Nigrán, os días 2, 7, 8 e 9. Xa en setembro chegará as municipios do Carballiño (do 2 ao 24), de Ferrol (do 9 ao 30 de setembro), de Monterroso (do 16 ao 24), de Vigo (en Comesaña, do 16 ao 30 de setembro, e en Valladares, do 7 ao 15 de outubro), de Narón (do 17 de setembro ao 1 de outubro), de Oleiros (do 17 de setembro ao 21 de outubro), de Antas de Ulla (do 17 de setembro ao 22 de outubro), de Vedra (do 29 de setembro ao 21 de outubro), do Grove (do 30 de setembro ao 21 de outubro), de Cuntis (do 30 de setembro ao 8 de outubro) e de Barbadás (do 30 de setembro ao 21 de outubro).
 
Axóuxere Teatro, O Aturuxo de Melpómene, Chumpá Teatro, Tiruleque Teatro, Porta Aberta, A.C.X. Enxebre, Falcatrueiros, Atrezo Teatro, O Transo Novo Teatro, Teatrino, Teatro Escoitade, Andaravía Teatro, Max Teatro e o Club de Lectores da Biblioteca de Antas de Ulla son os encargados de organizar a programación do circuíto nos 13 concellos que acollerán a programación deste ano.
 
XVI Festival Agustín Magán
Á programación do Circuíto Galego de Teatro Amador sumarase no mes de outubro o XVI Festival Agustín Magán, que amosará na capital de Galicia as últimas propostas escénicas dos grupos afeccionados federados das catro provincias galegas, con espectáculos no Teatro Principal e mais no Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego.
 
Actividades de formación
A actividade desenvolvida por Fegatea tamén inclúe unha liña de formación, en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática, a través da que se programan diversos cursos de verán. A oferta deste ano inclúe un curso de dirección escénica e dramaturxia que será impartido, entre o 3 e o 7 de xullo, por Xavier Castiñeira e Esther Carrodeguas, e mais un curso de voz e mimo, do 10 ao 14 de xullo, a cargo dos profesores Fran Peleteiro e mais Alicia Corral.
 
Espazos para a reflexión
A federación tamén promove espazos para a reflexión como son as Xornadas de teatro afeccionado Fegatea, que este ano celebran na cidade da Coruña, do 15 ao 17 de setembro,  a súa décimo segunda edición. No marco desta iniciativa programarase o FETTA (Festival Transfronteirizo de Teatro Amador), no que participan a Federación de Castela e León xunto con representantes de teatro afeccionado de Portugal.
 
Máis de 50 compañías federadas
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Agadic, vén colaborando coa Federación Galega de Teatro Afeccionado, que está composta na actualidade por 53 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas, o que constitúe, nestes momentos, a maior estrutura teatral organizada e denota o interese dos grupos galegos en traballar nunha mesma dirección. Cada unha destas agrupacións contribúe coa dinamización sociocultural no conxunto do territorio e tamén nos seus respectivos concellos, a través dunha programación diversa e de calidade de teatro afeccionado en galego. 

lunes, 24 de julio de 2017

CELEBRADA A ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DA FEGATEA



A Xunta directiva da Fegatea

Este domingo 23 de xullo de 2017 celebrouse a Asemblea Xeral Ordinaria correspondente do primeiro semestre da Fegatea.
Os representates dos grupos asistentes recibiron a información por parte da directiva correspondente á programación realizada e aos proxectos postos en marcha para o segundo semestre do ano 2017.
  • ACTIVIDADES FORMATIVAS NA ESAD DE GALICIA
  • XUNTANZAS E XESTIÓNS DIANTE DE DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS
  • CIRCUÍTOS XA REALIZADOS
  • RESULTADOS ECONÓMICOS
  • PROGRAMACIÓN PARA O SEGUNDO SEMESTRE DO ANO
  • XORNADAS
  • RESTO DE CIRCUÍTOS DO CONVENIO COA XUNTA DE GALICIA
  • CURSO DE NOVAS TECNOLOXÍAS EN ILUMINACIÓN NO CDG
A mesma foi no local social da mesma, situtado no Camiño do Castiñeiriño (Antigo Colexio Ramón Cabanillas), en Santiago nun local cedido dende hai 4 anos polo Concello de Santiago.

Panorámica de parte  dos asistentes á Asemblea 
 
 
Asemade celebrouse o sorteo para a participación no Móvete. Unha programación propia da Fegatea para posibilitar as actuacións dos grupos asociados en distintas actividades  teatrais.
 
 
 



martes, 18 de julio de 2017

Asemblea Xeral Ordinaria



Queremos convocarvos á Asemblea Ordinaria do segundo semestre deste ano, que se fará o domingo día 23 de xullo, no local da FEGATEA, ás 10:30 horas en primeira convocatoria e 11:00 en segunda, coa seguinte orde do día:

ORDE DO DÍA :

1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea xeral ordinaria de socios do 28/01/2017
2.- Informe da presidenta
3.- Informe do tesoureiro

4.- Programación do segundo semestre
5.- Presentación de solicitudes FEGATEA MÓVETE 2017

6.- Preguntas e suxestións
Agradecemos a tódolos federados que comuniquedes con antelación cantos membros acudirán de cada grupo, para poder acomodar o lugar cos asentos correspondentes. Así mesmo lembrarvos que é imprescindible asistir a dita Asemblea para poder optar a actuar no Móvete do segundo semestre. Adxunto con este correo as bases e o modelo de inscripción. Tamén se adxunta novamente a acta da asemblea de xaneiro.
Esperámosvos a todos o día 23 de Xullo.
Saúde e Teatro!!!
Secretaría da FEGATEA.

Móvete 2017




 
 FEGATEA MÓVETE 2017
BASES
O FEGATEA MÓVETE é un certame de teatro afeccionado de réxime interno da Federación Galega de Teatro Afeccionado, que ten por obxectivo estimular a representación teatral dos grupos da FEDERACIÓN. A súa marca de identificación ten que ver con que este certame ten a capacidade de “moverse” adaptándose a diferentes propostas do órgano regulador.
ORGANIZACIÓN
§ FEGATEA MÓVETE realizarase en espazos designados pola directiva que reúnan unhas mínimas condicións escénicas.
§ A directiva designará aos colectivos ou persoas encargadas da organización dos FEGATEA MÓVETE e establecerá as relacións de colaboración coa programación.
§ A programación realizarase de setembro a decembro, preferentemente en fins de semana.
§ A programación terá unha cartelería común determinada pola FEGATEA.
PARTICIPANTES
§ Poderán solicitar a participación no FEGATEA MÓVETE calquera asociado que estea ao tanto nas contas da federación e no CFT.
§ Cada grupo poderá presentar unha soa obra.
§ As obras representaranse no idioma galego e non poderán estar no circuíto profesional.
§ As obras terán unha duración mínima de 40 minutos se van dirixidas a público infantil e de 60 minutos se van dirixidas a público adulto.
§ Presentación de solicitudes: A documentación que se require, debidamente cumprimentada (ficha de inscrición e fotografía en formato jpg), enviarase por correo-e á conta da Federación.
- Data límite para o envío das solicitudes: xoves 20 de xullo.
§ Os grupos ou asociacións que non presenten a documentación completa dentro do prazo e na forma establecida, quedarán fóra do certame.
§ Non se admitirá a entrega en persoa de ningún tipo de documentación.
§ A inscrición realizarase segundo o modelo adxunto (ANEXO 1) acompañada da documentación complementaria que se solicita (fotografía en formato jpg).
§ En caso de que o número de solicitudes sexa maior ou menor do número de funcións que se poidan programar, a selección realizarase por sorteo durante a celebración da asemblea do 23 de xullo
§ Para poder entrar no sorteo, terá que estar presente, polo menos, un membro do grupo, quedando eliminados aqueles grupos que non envíen un representante ó sorteo.
§ Os grupos de teatro comprométense a levar a cabo a execución das súas obras nas datas establecidas e nos lugares designados. No caso de non poder facelo correrá o quenda ao seguinte grupo.
§ Os grupos que participen na programación percibirán a seguinte axuda económica:
700€ función/grupo
Esta cantidade será ingresada pola FEGATEA ao grupo que emitirá unha factura polo importe sinalado.
§ Os gastos por dereitos de autor serán costeados polos propios grupos.
§ Calquera alteración das bases por parte dos grupos participantes supoñerá a anulación da súa participación.
§ A inscrición no FEGATEA MÓVETE supón a total aceptación das presentes bases así como a resolución pola organización de calquera suposto non recollido nelas.

DOCUMENTACIÓN

- Ficha de inscrición debidamente cumprimentada (ANEXO 1)

- Fotografía con boa calidade en formato dixital (jpg).


Lugar de realización do sorteo Local FEGATEA Antigo Colexio Ramón Cabanillas R/ Virxe de Fátima s/n (Castiñeiriño) Santiago de Compostela
INFORMACIÓN E CONTACTO
      fegatea@yahoo.es

lunes, 17 de julio de 2017

A Fegatea presente nos actos de inauguración da MIT de Ribadavia 2017


O representante da Fegatea, Antonio Vázquez , detrás  dos premiados, no acto de Inauguración oficial da 33ª Edición da Mit, celebrado   na Madalena, e onde se entregou o Premio de Honra "Roberto Vidal Bolaño" ao mérito nas Artes Escénicas a Produccións Teatrais Excéntricas, e que contou coa asistencia de autoridades do estado, galegas e locais.

jueves, 13 de julio de 2017

ENTREGA DE DIPLOMAS DO CURSO DE DIRECCIÓN ESCÉNICA E DRAMATURXIA NA ESAD

 
 
O alumnado, profesores, a presidenta da Fegatea e a subdirectora da Esad na foto de familia durante a entrega dos diplomas do curso de Dirección Escénica e Dramaturxia   deste ano 2017.

martes, 11 de julio de 2017

EN PLENA MARCHA O CURSO DE DIRECCIÓN ESCÉNICA E DRAMATURXIA DA FEGATEA/ESAD


(Fotografías de Doro Piñeiro)
O alumnado do curso de Dirección escénica e dramaturxia, organizado pola Fegatea en colaboración coa Esad de Galicia, en pleno funcionamento dende onte ata o próximo venres 14 de xullo

lunes, 10 de julio de 2017

miércoles, 5 de julio de 2017

 

CURSO DE VOZ E MIMO DA FEGATEA NA ESAD DE GALICIA

 

 
Velaiquí  os participantes e profesores no curso de voz e mimo que se está a impartir    dentro do programa  Escénika 2017 grazas á colaboración entre a Federación Galega de Teatro Afeccionado e a ESAD de Galicia

Temos tamén á presidenta da Fegatea, Chelo Pampillón (De pé, terceira pola dereita)

Lembramos os contidos  e os currículos dos profesores.

Neste obradoiro traballaranse todos os aspectos da técnica vocal (respiración, resoadores, articulación, emisión,etc.). A voz como instrumento creativo. Estudio da dicción: elementos técnicos e expresivos (ortofonía, prosodia, emisión articulada, etc). Dominio das técnicas expresivas aplicadas aos diversos xéneros, estilos, formas de representación e medios audiovisuais. Por outro lado, as ferramentas do mimo, estudo dos conceptos, recursos e habilidades físicas que dispoñan ao actor/actriz para a utilización integral do seu corpo, proxectado no espazo, como instrumento expresivo específico para a creación teatral non oral.


Alfonso Rodríguez é profesor de Interpretación Xestual na ESAD de Galicia. Doutor pola Universidade de Santiago. Intérprete e director de varias pezas, entre elas “Vincent”, gañadora do 1º Premio Xuventude Crea na modalidade de Artes escénicas. Impartiu e recibiu cursos en diversos centros do estado e do exterior, entre eles a Universidade de Exeter no Reino Unido.


Manuel Polo fórmase en Interpretación na ESAD. Ten formación en clown, teatro de rúa e voz en Roy Hart. Traballou para varias compañías como Limiar, Catrocadeiras, CDG, etc. Tamén ten experiencia como actor no audiovisual.

jueves, 29 de junio de 2017

CURSOS FORMATIVOS FEGATEA/ ESCENIKA NA ESAD


O luns comezan os cursos de verán da FEGATEA na ESAD


Seguindo coa colaboración de anos anteriores entre a FEGATEA e a ESAD para a realización de cursos de verán, achégase a seguinte proposta, seguindo o modelo do ano pasado, 4 profesores/as de 2 Obradoiros, 50% profesorado da ESAD e 50% titulados/as superiores da ESAD de Galicia.

Seguindo coa colaboración de anos anteriores entre a FEGATEA e a ESAD para a realización de cursos de verán, achégase a seguinte proposta, seguindo o modelo do ano pasado, 4 profesores/as de 2 Obradoiros, 50% profesorado da ESAD e 50% titulados/as superiores da ESAD de Galicia.


1º CURSO Voz e mimo. Horario: (Do 3 ao 7 de xullo (30 horas)




Luns 3 XULLO ----- Voz 16-19h


Martes 4 Interpretación Xestual 9:30-13:30h Voz 16-19h


Mércores 5 Interpretación Xestual 9:30-13:30h Voz 16-19h


Xoves 6 Interpretación Xestual 9:30-13:30h Voz 16-19h


Venres 7 Interpretación Xestual 9:30-12:30h Voz 16-19h




Curso 1. Voz e Mimo




Do 3 ao 7 de xullo (30 horas)




Alfonso Rivera e Manuel Polo




Neste obradoiro trabalaranse todos os aspectos da técnica vocal (respiración, resoadores, articulación, emisión,etc.). A voz como instrumento creativo. Estudio da dicción: elementos técnicos e expresivos (ortofonía, prosodia, emisión articulada, etc). Dominio das técnicas expresivas aplicadas aos diversos xéneros, estilos, formas de representación e medios audiovisuais. Por outro lado, as ferramentas do mimo, estudo dos conceptos, recursos e habilidades físicas que dispoñan ao actor/actriz para a utilización integral do seu corpo, proxectado no espazo, como instrumento expresivo específico para a creación teatral non oral.




Alfonso Rodríguez é profesor de Interpretación Xestual na ESAD de Galicia. Doutor pola Universidade de Santiago. Intérprete e director de varias pezas, entre elas “Vincent”, gañadora do 1º Premio Xuventude Crea na modalidade de Artes escénicas. Impartiu e recibiu cursos en diversos centros do estado e do exterior, entre eles a Universidade de Exeter no Reino Unido.




Manuel Polo fórmase en Interpretación na ESAD. Ten formación en clown, teatro de rúa e voz en Roy Hart. Traballou para varias compañías como Limiar, Catrocadeiras, CDG, etc. Tamén ten experiencia como actor no audiovisual.




Curso 2. Dirección escénica e Dramaturxia

Do 10 ao 14 de xullo (30 horas)


Horario: De 9:00 a 13:30h e de 15 a 18h


Xavier Castiñeira e Esther Carrodeguas




Este curso intensivo está pensado para todas aquelas persoas que desexen introducirse dunha maneira integrada e totalmente práctica nas tarefas de dirección escénica e dramaturxia, a enxeñería da creación escénica. Neste curso levarase a cabo a concepción da estrutura dramática e as convencións que operan nun espectáculo escénico: a acción, o xénero, a caracterización, o ritmo, así como as implicacións que a escrita orixinal ten en elementos de dirección escénica ou produción tales como o vestiario, a escenografía ou a iluminación. O obxectivo principal deste obradoiro é aprender a integrar procedementos e saberes adquiridos para conseguir transmitir ao espectador as sensacións, emocións e o sentido da dramaturxia.


Xavier Castiñeira é director de escena e profesor de Produción na ESAD de Galicia. Recentemente dirixiu Voaxa e Carmín para Butaca Zero ou El Buscón, tamén con Butaca Zero e Los Goliardos.

Esther Carrodeguas é dramaturga, titulada pola ESAD de Galicia e xornalista. Fundadora da Compañía Teatro da Falúa (eterna finalista do certame Galiza Crea), dirixe na actualidade o Cadro Artístico Airiños (o máis antigo en activo de Galiza), ao tempo que organiza certames poético-escénicos e mesmo participou no Poetry Slarn Nacional de Madrid, representando a Vigo. Entre as súas obras destaca Voaxa e Carmín, Premio Abrente da MIT de Ribadavia 2015.



Lembramos que os cursos son de alta calidade no relativo ós profesionais que os imparten e ás materias, e por experiencia de anos anteriores, de moita utilidade para a mellora da calidade artística dos grupos que compoñen a nosa federación.

Prezo dos cursos:
25 euros para os asociados á fegatea.50 euros non asociados.



INSCRICIÓN :




Enviar correo a fegatea@yahoo.es cos seguintes datos:

- Nome e apelidos, entidade á que pertence, nº DNI, tfno. e correo-e de contacto.




- Xustificante de ingreso bancario da matrícula*








*A MATRÍCULA NON SERÁ EFECTIVA ATA TER FEITO O PAGO.

En caso de que o nº de solicitudes exceda o de prazas dispoñibles, a matrícula farase por orde de inscrición e ingreso bancario da mesma.





Nº DE CONTA PARA INGRESO MATRÍCULA:

Abanca ES65 2080 0300 8930 4013 8117

Contacto: Manuel Dasilva-Tesoureiro: 622 384 546